Ribadavia estende o Nadal ata o 26 de xaneiro
Ribadavia estende o Nadal ata o 26 de xaneiro
Queren aproveitar o éxito do alumamento publicitario, un atractivo para o turismo
O Nadal alóngase en Ribadavia. O éxito da iluminación deste ano, premio dun concurso publicitario, animou o Concello a estender a campaña de Nadal nada menos que ata o 26 de xaneiro.
"Vés a dar unha volta, tomas algo ou quedas a cear, entras ás tendas... é boa idea, porque chamas a xente e, despois, unha vez que isto se vaia...", comenta unha veciña do Carballiño, de visita en Ribadavia.
Hostaleiros e comerciantes están de acordo. A capacidade de atracción da iluminación traduciuse para eles en vendas e ocupación, e confían en mantelo unhas semanas máis, aínda que baixe a afluencia.
Henry Pérez, hostaleiro da Praza Maior de Ribadavia: "Marabilloso, porque así dálles a oportunidade aos que non puideron vir".
"O que vimos ata o de agora está moi ben e Ribadavia sempre é unha vila interesante", asegura un cliente.
Para os visitantes, é tamén unha maneira de desfrutaren do cálido ambiente das luces sen sufrir as aglomeracións dos días propios do Nadal.
"Bastante pintoresco. Realza a beleza da zona histórica, que, xa de por si, é bastante chula". "É moi bonito, pequeniño e acolledor. Gústame moito", comentan dous visitantes, un de Chantada e outro de Ames.
Quedan case tres semanas por diante para revivir en Ribadavia a experiencia do Nadal.