O temporal deixa máis de 200 incidencias en Galicia, con inundacións e problemas no transporte
O temporal deixa máis de 200 incidencias en Galicia, con inundacións e problemas no transporte
Transporte de ría cancelado, accidentes, desvío de voos, liña de tren interrompida entre A Coruña e Ferrol e apagamentos con ata 2.500 afectados na zona de Vigo, entre as principais consecuencias
Santiago de Compostela e Vigo foron, cunha ampla diferenza, os concellos máis castigados pola choiva e o vento
Entre a medianoite e as 11 horas deste mércores o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias xestionou un total de 213 incidencias provocadas polos efectos da choiva e do vento. Nestes momentos permanece activo un aviso laranxa por choiva no suroeste e de vento no oeste da Coruña, así como o de temporal costeiro nas provincias da Coruña e Pontevedra.
Precisamente son estas dúas zonas as máis afectadas pola meteoroloxía adversa: A Coruña sumou 130 incidencias, polas 65 de Pontevedra, as 14 de Lugo e as 4 de Ourense.
Santiago de Compostela e Vigo foron, cunha ampla diferenza, os concellos máis castigados pola choiva e o vento, con 37 e 21 casos rexistrados respectivamente. Na provincia da Coruña destacan tamén Ames e A Coruña, con 7 cada un, e Boiro, Brión e Ribeira, con 5. Na de Pontevedra, A Estrada e Vilagarcía (4) e Gondomar, Pontevedra e Redondela (3) aparecen á continuación da cidade olívica.
As incidencias máis repetidas tiveron que ver coa presenza de árbores e ramas nas vías de circulación (66), así como outros obstáculos na calzada (27). A choiva provocou o anegamento de vivendas e garaxes (28), estradas (22), rúas (9) e bolsas de auga (10). Por outra banda, destacaron as intervencións dos servizos de emerxencias para previr riscos maiores (como retirar vexetación ou asegurar fachadas), con 22 casos.
O 112 salienta o rescate dunha muller que quedou atrapada no seu coche pola auga na ponte de Larañiño, en Laraño (Santiago), pouco antes das 9:30 horas da mañá. Os bombeiros municipais tiveron que intervir para sacar do vehículo á implicada, que se atopaba en bo estado. Tamén participou a Garda Civil de Tráfico.
Tamén na capital galega un colexio situado na rúa de Blanco Nájera sufriu inundacións pola intensa acumulación de auga e os alumnos non puideron acudir ás aulas.
Segundo informan fontes de Renfe a Europa Press, a circulación de trens entre A Coruña e Ferrol atópase interrompida, polo que leva a cabo un plan alternativo por estrada ata novo aviso por prevención.
Mentres, Naturgy traballa para liquidar problemas de subministración de luz en Vigo e Chapela, que chegaron a afectar a 2.500 persoas.
Santiago, o concello máis afectado
Santiago de Compostela é o municipio con máis avisos activos sobre inundacións en estradas, baixos e vivendas debido ao temporal das últimas horas. O tráfico estivo especialmente afectado na parte baixa da cidade.
A chuvia interrompeu varias actividades e atrasou o desprazamento ao traballo de numerosas persoas ao vérense inmersas en reas longas de coches debido á formación e bolsas de augas en viais que transcorren por zonas baixas, como o Periférico ou a glorieta nas Fontiñas. Alí dous turismos quedaron atascados xunto á zona de xiro da rotonda. Tamén houbo dificultades e algún caso de apuro extremo no acceso ao polígono do Tambre. En Laraño, unha condutora quedou atrapada no coche e acabou saíndo pola ventá.
Os operarios do servizo de augas e os bombeiros tiveron en xeral un comezo de mércores con actividade máxima. "En dúas horas e media estivemos en 21 incicidencias. Asulagamentos en vivendas, en garaxes, en varias vías... Tivemos a caída dunha árbore e dúas persoas no interior de coches coa auga pola ventás", di Manuel Sanmartín Chao, oficial xefe de Bombeiros de Santiago.
O colexio Divino Maestro quedou sen actividade toda a xornada debido á inundación das instalacións. "A auga chegou aos despachos e a diferentes aulas. Estamos hoxe en situación desbordante. As extraescolares da tarde tamén as cancelamos e para mañá agardamos que todo volva á normalidade", explica Elena Millán, directora xeral do colexio Divino Maestro.
Tarefas de limpeza inesperada tiveron tamén este mércores no baixo de varias vivendas. É o caso de tres situadas na rúa santiaguesa das Hortas. Unha delas é de Carme, que di que "baixaba unha riada pola rúa das Hortas. Entrou pola porta, como unha fervenza, porque está algo por baixo do nivel da rúa".
Os sumidoiros no deron evacuado tanta auga. Algo máis abaixo, na rúa das Galeras, o asolagamento afectou a algún local comercial e ao aparcadoiro de uso público.
A hora de maior acumulación de auga da chuvia coincidiu coa de numerosos desprazamentos para o inicio da actividade, polo que en rúas e estradas localizáronse numerosas incidencias. Entre as 7 e as oito caeron en Santiago máis de 33 litros de auga de chuvia. E no momento máis intenso, de oito menos dez a oito, foron máis de doce litros, que equivalen a máis de 70 litros nunha hora.
En Santiago foi cancelado un voo de Bilbao que tiña prevista a chegada ás oito da mañá, e saíu con 5 horas de demora o avión con destino a Barcelona, o mesmo que onte pola noite tivo que desviarse ao Porto tamén polo mal tempo.
A chuvia torrencial afectaron tamén aos concellos da contorna de Santiago
Na Ponte Maceira, en Negreira, o río Tambre subiu o caudal e chega ás construcións próximas. En Brión, o Rego do Pego tamén provocou asolagamentos nunha vintena de vivendas.
En Lousame, unha muller foi rescatada ilesa do seu vehículo despois do desbordamento dun río que arrastrou o coche nunha pista forestal do lugar de Cernande.
En Rois caeron 72 litros por metro cadrado, un dos maiores rexistros da bisbarra. Unha cantidade de chuvia tal que a auga entrou nas casas como un torrente.
O Consorcio Contra Incendios e de Salvamento A Coruña informa de que foi necesario evacuar unha familia do seu domicilio na Pobra do Caramiñal polo desbordamento do río Lérez. Os bombeiros de Ribeira traballaron nun operativo no cal as inundacións deste afluente do río Barbanza causaron danos materiais no exterior e o interior do domicilio.
Vigo, o segundo concello con máis incidencias
Ás fortes choivas sumouse unha tormenta que deixou a 2.500 fogares de Vigo e Chapela sen subministración, ademais afectou aos semáforos, o que causou importantes retencións no centro da cidade.
O transporte de ría entre Vigo e O Morrazo permanece suspendido pola alerta no mar de todo o litoral pontevedrés por forte vento e ondas que poden acadar os seis metros de altura.
A incidencia do temporal deixouse notar na cidade en forma de inundacións en baixos e garaxes, especialmente na zona de Areal; ademais, os problemas de subministración eléctrica afectaron a parte da rede semafórica.
Igualmente, os efectos do mal tempo tiveron o seu reflexo no aeroporto de Peinador. En concreto, un voo procedente de Madrid e con destino Vigo non puido aterrar esta mañá na terminal olívica, tendo que regresar á capital española á primeira hora deste mércores.
Desta maneira, foi cancelado o voo asociado Vigo-Madrid, debido a que o avión non estaba dispoñible en Peinador, segundo fontes de Aena consultadas por Europa Press.
Temporal de vento e chuvia
A Xunta activou o aviso laranxa por vento no oeste da provincia da Coruña, ademais de manter o nivel tamén laranxa por temporal costeiro tanto na Coruña como en Pontevedra.
Durante esta mañá, Galicia rexistrou vento de máis de 150 quilómetros por hora. En concreto, o valor máximo, segundo MeteoGalicia, contabilizouse no Penedo do Galo, en Viveiro (Lugo), con 152,1 km/h ás 07:20 horas deste mércores.
Tamén na Gándara, en Vimianzo (A Coruña), rexistráronse refachos de vento de 141 quilómetros por hora ás 06:30 horas e na cidade da Coruña, de case 130 km/h. En Cuntis (Pontevedra) e en Oia (Pontevedra) superáronse os 120 km/h.
Pola súa banda, en Rois (A Coruña) acumuláronse ata 71,5 litros de choiva por metro cadrado, un dos maiores rexistros da bisbarra, seguido de Lousame (67,3 litros por m2). Destaca tamén o episodio duns minutos de tromba de choiva que caeu pouco antes das 08:00 horas en Santiago.
MeteoGalicia espera un mediodía e unha tarde "algo máis tranquila" tras o paso da fronte, aínda que os refachos de vento seguirán sendo fortes no norte das provincias da Coruña e de Lugo e en zonas altas.