Polo menos cinco mortos por mor do temporal de neve nos Estados Unidos
Polo menos cinco mortos por mor do temporal de neve nos Estados Unidos
O desxeo e a chuvia provocan graves inundacións no Reino Unido
Nos Estados Unidos hai 60 millóns de persoas en alerta
O temporal de neve avanza desde o centro cara á costa leste dos Estados Unidos deixando imaxes contraditorias. Por un lado, a diversión dos que poden gozar dela nos parques das cidades; polo outro, as enormes dificultades que sofren a maioría dos cidadáns simplemente para saír da casa, un perigo polo xeo agochado debaixo da neve.
60 millóns de persoas, sobre todo na costa leste, están en alerta polas nevaradas que fan dificil a vida cotiá. Circular co coche é un risco. Moitos cidadáns sofren cortes de enerxía, suspendéronse as clases en varios estados e hai milleiros de voos cancelados.
Polo menos cinco persoas morreron e ducias resultaron feridas nos últimos días por mor do temporal. Unha persoa morreu no estado de Misuri, un dos máis afectados polos xélidos ventos, mentres outras 38 resultaron feridas nos accidentes de tráfico que se contan por centos.
Outras dúas persoas perderon a vida a pasada fin de semana no estado Kansas cando o vehículo no que viaxaban saíuse da estrada. Outra persoa foi atopada morta este martes fronte a unha parada de autobús en Houston (Texas), segundo informan medios estatais.
Inundacións no Reino Unido
Inundacións no Reino Unido
Ao outro lado do Atlántico, xa opera con normalidade o aeroporto de Manchester, varias horas pechado pola acumulación de xeo e neve nas pistas. Pero no Reino Unido o problema é agora o desxeo e as chuvias. Activáronse alertas no norte e no centro do país por risco severo de inundacións.
"Levo sete anos vivindo aquí e nunca vin o río así", explica un veciño de Leicestershire, onde rebordou o río Soar.
E mostran a súa preocupación pola repetición de riadas.
"Cando puxeron as defensas contra as inundacións dixeron que isto podería pasar cada cen anos, e desde que as puxeron xa pasou oito veces", relata unha muller.
No condado en que vive tiveron que desaloxar un enorme parque de caravanas onde residen centos de persoas.