Que facer se quedamos co coche nunha bolsa de auga?
Que facer se quedamos co coche nunha bolsa de auga?
Se o nivel de auga supera media roda, o coche pode ser arrastrado
Cómpre abandonar o vehículo e busca un lugar alto para resgardarse
Cando as rúas se transforman en ríos e a auga fai bolsas, o primeiro e máis básico consello é non arriscarse a cruzalas.
"É mellor non meterse nas bolsas, non sabemos o fondas que son, pode haber fochancas e a auga pode ter arrastrado elemento que fagan que nos quedemos atrapados", explica Marcos Araújo, o xerente da Axencia Galega de Emerxencias.
Se quedamos atrapados na bolsa e o nivel da auga sobrepasa a media roda, cómpre abandonar o vehículo e buscar andando unha zona alta onde refuxiarse. Se a auga ten corrente e nos arrastra, subir ao teito do coche é a mellor alternativa.
"Hai que saír do coche, non sabemos onde vai parar a suba, nunca podemos esperar a que a auga chegue á ventá. Ás veces o nivel da auga sobe moi rápido, por iso o mellor é saír, e se hai corrente subir ao teito", engade o xerente da Axega.
Se o garaxe está inundado, é mellor non tentar sacar o coche. Tamén é aconsellable evitar circular por zonas baixas e próximas a ríos que adoitan asolagarse cos temporais. E se a tromba de auga nos colle na autoestrada...
"Temos que baixar velocidade e ampliar a distancia de seguridade. E se vemos que a auga acumulada é demasiada o mellor é sinalizar, parar onde se poda e chamar ao 112", aconsella Marcos Araújo.
Precaucións que deben vir acompañadas dun vehículo en bo estado de revista, coas rodas, as luces e os limpaparabrisas listos para soportar o diluvio.