Rueda pídelle ao Goberno que "flexibilice" os fondos para os cursos de formación
Rueda pídelle ao Goberno que "flexibilice" os fondos para os cursos de formación
A Xunta destinará 7,5 millóns a mellorar a cualificación de 17.000 persoas
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pídelle ao Goberno que modernice a formación para o emprego e flexibilice a xestión dos fondos que reciben as comunidades nesta materia para poder adaptar os cursos ás necesidades das empresas. Alfonso Rueda asinou este mércores un convenio cos representantes de nove clústeres para mellorar a capacitación de 17.000 persoas.
A Xunta destinará 7,5 millóns de euros nos próximos dous anos a financiar cursos para formar ou especializar traballadores nos sectores económicos con máis demanda de man de obra e sen remuda xeracional, como o naval, a construción, o comercio ou as enerxías renovables.
Segundo explicou no acto de sinatura dos convenios a vicepresidenta de Asime, Rebeca Acebrón, o 40 % dos traballadores destes sectores vanse xubilar nos próximos dez anos.
Alfonso Rueda defende que cómpre axustar a formación ás necesidades das empresas e pídelle ao Goberno que actualice o catálogo dos cursos. O presidente da Xunta demándalle tamén que flexibilice a xestión dos fondos que reparte entre as comunidades para formación para poder organizar os cursos que precisa cada sector para especializarse e chegar a novos mercados.
"Se non conseguimos convencer ao Goberno de que hai que cambiar os esquemas (dos cursos de formación para o emprego), tede seguro que dunha maneira ou outra que con cargo aos nosos orzamentos seguiremos por este camiño", explicou o presidente da Xunta, que prevé chegar a 17.000 beneficiarios cos convenios asinados.