Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tres culpables do asasinato de Samuel Luiz, un cómplice e unha exculpada

Tres culpables do asasinato de Samuel Luiz, un cómplice e unha exculpada

O xurado popular declara culpables de asasinato a Diego Montaña, a Alejandro Freire "Yumba" e a Kaio Amaral Silva

Ademais, o tribunal considera a Alejandro Míguez cómplice do grupo e exculpa a única muller acusada

A Diego Montaña aplícalle a agravante de homofobia e tamén culpa a Kaio Amaral de roubo con forza

Os catro acusados considerados culpables durante a lectura do veredicto. EFE/Cabalar
G24.gal 24/11/2024 13:00 Última actualización 24/11/2024 15:27

Tras case unha semana de deliberación, os nove membros do xurado popular fixeron público o seu veredicto polo crime de Samuel Luiz.

O tribunal considera tres dos cinco acusados culpables de asasinar o mozo no paseo da Coruña o 3 de xullo de 2021, tras unha malleira brutal.

Son Diego Montaña, ao que lle aplica a agravante de homofobia, Alejandro Freire "Yumba" e Kaio Amaral Silva, ao que ademais declara culpable dun delito de roubo con forza do móbil da vítima. Ademais, considera cómplice do grupo a Alejandro Míguez.

A única muller acusada queda excluída de actuar en unidade de acción, aínda que a vincula con "imposibilitar a defensa". O xurado considéraa "non culpable" nin como coautora nin como cómplice.

Neste caso, hai tamén dous menores condenados por asasinato.

Lectura do veredicto

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña acolleu este domingo a lectura do veredicto do proceso, no que as acusacións pedían penas de entre 22 e 27 anos de prisión por asasinato con aleivosía e asañamento -esta última descartada polo tribunal popular-.

O xurado empezou a deliberar o pasado martes sobre as 115 preguntas expostas no obxecto do veredicto e concluíu o seu traballo este sábado pola noite.

Declarou culpables tanto a Diego Montaña como a Alejandro Freire por unanimidade, mentres que nos casos de Kaio Amaral Silva e Alejandro Míguez foi por sete votos, o mínimo que esixe a lei.

Respecto á única muller acusada, non a vincula ao crime, pois cre que ao principio tentou frear a súa entón parella, Diego Montaña, malia apartar despois unha amiga de Samuel Luiz que quería defendelo.

Agravante de aleivosía

En canto ás circunstancias modificadoras da responsabilidade penal, nos catro culpables ve as agravantes de aleivosía (eliminar as posibilidades de defensa), pero non asañamento (ocasionar golpes múltiples innecesarios para causar a morte, prolongar a agonía e a dor).

Tampouco considera acreditadas as atenuantes de estar baixo os efectos do alcol ou as drogas que reclamaban Diego Montaña e Alejandro Freire.

Homofobia

A agravante de homofobia de Diego Montaña nun primeiro momento pronunciouse non probada, aínda que durante a lectura o xurado corrixiu a lectura e situouna probada por unanimidade.

Para o xurado, os implicados non actuaron con intención de causar a morte a Samuel Luiz, pero si executaron unha serie de actos nos que deberon asumir a posibilidade dun desenlace fatal polo risco das súas accións.

Pensan, ademais, que Alejandro Míguez participou de forma activa para auxiliar e facilitar a actuación dos demais, co que aceptou a posibilidade de que lle provocasen a morte, polo que a súa pena como cómplice será ao redor da metade ca o resto, pendente de definir.

Penas máximas

As acusacións reclamaron penas máximas para os catro culpables, con peticións de 13 e 27 anos de cárcere, segundo os graos de responsabilidade.

A fiscal, Olga Serrano, dixo que debe terse en conta a súa actuación "brutal, atroz e extremadamente inhumana" para dar morte a Samuel Luiz.

Para Diego Montaña reclama 25 anos de prisión, pola agravante de homofobia; para Alejandro Freire, 22 anos; para Kaio Amaral Silva 27, ao engadirlle o roubo do móbil; e para Alejandro Míguez, 13 como cómplice. En todos, agrega 5 anos de liberdade vixiada.

Estas mesmas peticións de pena son as da acusación particular, dos pais de Samuel Luiz, e da popular, do colectivo LGTB Alas A Coruña.

As acusacións piden uns 260.000 euros de responsabilidade civil -cantidade xa recoñecida na sentenza dos dous menores condenados previamente-, ademais de 40.000 euros para o pai da vítima pola súa incapacidade.

Petición das defensas

As defensas pediron as penas mínimas, ao entender que só concorre unha das circunstancias para o asasinato, a aleivosía, e ao sumar o feito de que o xurado non viu intención de matar (dolo directo), senón que os acusados deberon asumir esta posibilidade (dolo eventual).

Por iso, para os tres autores do asasinato reclamaron 15 anos de prisión -20 para Diego Montaña ao sumar a agravante de homofobia-, outros dous máis para Kaio Amaral Silva polo roubo e, no caso de Alejandro Míguez, 7 anos, 6 meses e un día como cómplice.

Que ocorreu segundo o xurado

O resumo dos feitos probados mostra un inicio da acción por parte de Diego Montaña, que empezou a agredir a Samuel Luiz, ante o que Alejandro Freire o derruba.

A única muller encausada primeiro tentou frear a Diego, pero logo tamén separou unha amiga de Samuel que o defendía e, a partir de aí, non tivo máis participación.

Kaio Amaral Silva entrou ao grupo -no que tamén estaban os dous menores xa condenados- e deulle unha patada á vítima.

Alejandro Míguez estivo sempre no grupo, mesmo ata encerellarse cunha das dúas testemuñas de orixe senegalesa que socorreron a Samuel Luiz, polo que dificultou a súa defensa.

O grupo continuou a agresión nun total de catro localizacións ata matalo, sen que se acrediten máis golpes de Kaio Amaral Silva, que no punto inicial roubou o móbil da vítima.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade