Centros comerciais ateigados de xente nunha Semana Santa pasada por auga
Co mal tempo, moitos elixen pasear a cuberto, ir de compras ou refuxiarse nalgunha das súas cafeterías e restaurantes
Vacacións e tempo chuvioso non adoita ser unha boa combinación, polo que moitos buscaron refuxio nos centros comerciais para pasar o seu tempo de lecer.
"Vimos pasar a fin de semana a Vigo e non hai outra cousa que facer, estamos empapados, probamos todas as opcións, fomos comer, fomos polo centro, pero con este vento e esta choiva non hai nada que facer, é imposible".
"Esta semana non dá tregua, está todo o día chovendo e cunha rapaza pequena na cas non podemos estar, non aguanta", din algunhas persoas que decidiron pasar a tarde nun centro comercial.
A imaxe de centros comerciais e locais ateigados repetiuse estes días da Semana Santa con chuvia intensa e persistente. Entre as opcións: pasear a cuberto, ir de compras e aproveitar as propostas que ofrecen os seus establecementos de ocio, como ir ao cine ou refuxiarse nalgunha das súas cafeterías e restaurantes.
"Dar unha volta, xa que o tempo está como está, así podemos gozar o día", comenta outro."É unha opción, tes restaurantes, tes compras e tes onde descansar un ratiño".
"Compras, comer e divertir á rapaza... hai moita xente, está masificado pero vaise levando e ben, mellor que na casa seguro", comentan outros.
