A Garda Civil de Tráfico intensifica os controis nas estradas na fin de semana
Na campaña especial de Semana Santa fan controis de alcol e drogas e de velocidade en diferentes puntos de toda Galicia
Tráfico recomenda conducir con precaución ante un volume maior de desprazamentos e unhas condicións meteorolóxicas adversas
Acompañamos a Garda Civil de Tráfico nun dos controis preventivos de alcol e drogas dentro da operación especial da Semana Santa. Os axentes realizaron numerosas probas durante a mañá deste sábado.
"No control que estamos realizando non se detectaron infraccións de consumo de alcol nin de drogas. É o que se intenta evitar, que persoas que consomen alcol ou teñen presenza de droga no organismo vaian conducindo. Durante toda a fin de semana, incluso domingo e luns os controis continuarán activos, para evitar os sinistros, xa que o volume de desprazamentos vese incrementado", di Tomás Varela Turnes, segundo xefe do subsector da Garda Civil de Tráfico da Coruña.
A maioría de condutores consideran adecuados estes controis. O importante é evitar sinistros e salvar vidas.
"Están ben porque ás veces a xente ten excesos e está ben que fagan controis". "Eu hai anos que non bebo e menos conducindo. Os controis parécenme poucos, debería haber máis", din algúns condutores.
En diferentes puntos de toda Galicia, intensifícanse os controis durante toda a fin de semana. Os axentes lembran aos condutores as sancións ás que se enfrontan se cometen algunha infracción.
"No caso de alcoholemia, superar o límete de 0,25 miligramos por litro suporía unha multa de 500 euros e a retirada de catro puntos. En caso de superar os 0,50 miligramos por litro a multa ascendería a mil euros e a retirada de seis puntos. Para límites superiores a 0,60 xa sería unha infracción penal", destaca Tomás Varela Turnes, segundo xefe do subsector da Garda Civil de Tráfico da Coruña.
Tamén continuarán os controis de velocidade na operación retorno das vacacións de Semana Santa. Tráfico recomenda extremar as precaucións nas estradas, ante un volume maior de desprazamentos e unhas condicións meteorolóxicas adversas.
