Santiago resiste á choiva e o mal tempo
Os visitantes enchen as rúas de Compostela para desfrutar da oferta cultural e patrimonial da cidade
A ocupación hoteleira no centro histórico é practicamente de cheo total, segundo o sector
Unha tempada máis a choiva e o frío que levan batendo toda a Semana Santa nas rúas de Compostela non desanimaron os turistas, que, fieis á súa conexión co patrimonio histórico da cidade, encheron de paraugas e chuvasqueiros a zona monumental.
Os visitantes repártense entre os que seguen para adiante "aínda que chova, co chuvasqueiro e a mochila" e, os afortunados, os menos que puideron zafar da choiva: "Tivemos moita sorte porque vimos todo o que podemos sen choiva e agora acabo de sacar unha foto ideal con sol", comentaban nai e filla, procedentes de Pamplona.
A maior parte dos visitantes concentrouse na contorna da catedral e na zona vella de Compostela. E, malia que dende as asociacións de hostalería recoñecen que se produciron cancelacións polo mal tempo, as cifras reflicten unha situación similar á do ano pasado.
"A ocupación no centro histórico durante os días festivos é practicamente total. Con anterioridade ao mércores poderíase falar entre un noventa e un noventa e cinco por cento; e fóra do centro histórico, non temos datos, pero que é o que determina a ocupación da praza, estaremos penso que roldando o oitenta por cento", afirma Ramón García Seara, presidente da Asociación de Turismo e Hostalería de Compostela.
Multitude de peregrinos desafiaban as condicións meteorolóxicas para entrar na catedral, mentres que outros viaxeiros visitaban as xoias culturais e patrimoniais da cidade.
Sen procesións relixiosas polo mal tempo, pero con moita oferta cultural, os visitantes prometían repetir a visita, aínda que pregando por un pouco máis de calor a próxima vez.