Dispárase o interese pola práctica da escalada, deporte olímpico oficial dende 2020
Nos últimos anos duplicouse o número de rocódromos en España
Na Coruña, preto de 300 rapaces e rapazas aprenden a escalar na escola da AMI
A escalada debutou como deporte olímpico nos Xogos de Toquio. Daquela, España conseguiu un ouro que disparou o interese por esta disciplina e multiplicou o número de rocódromos por todo o país. Na escola da Agrupación de Montañeiros Independentes da Coruña preto de trescentos rapaces desafían a parede.
"Es ti contra a parede, non tes que competir con ninguén, simplemente cada un escala o que pode ou o que quere", conta Elena Ferreiro, que comezou a escalar durante a pandemia.
A escalada é unha disciplina aínda minoritaria, pero leva uns anos experimentando un crecemento continuo, acelerado co ouro olímpico de Alberto Ginés en 2021.
"Había algúns deportistas moi bos, pero non os coñecía ninguén. Ao ser un deporte olímpico pasa a ter outra dimensión en todos os aspectos, no aspecto económico, de instalacións...", explica Fausto Blanco, secretario da Agrupación de Montañeiros Independentes.
Actualmente hai en España ao redor de 360 rocódromos. En 2018 apenas chegaban aos 150. A escalada en espazos interiores, como a sala de bloque da Agrupación de Montañeiros Indepedentes, enfronta os escaladores con retos que van medrando en dificultade.
"Pode escalar calquera persoa. Hai desde practicamente escaleiras con agarres moi bos ata cousas moito máis complicadas, nas que a escalada é máis aérea, máis horizontal, máis difícil de ler os problemas. Iso é o que vai enganchando a xente", detalla Martín Ferreiro, que escala desde pequeno.
É un deporte inclusivo e accesible que alimenta a autoconfianza e potencia capacidades como a forza e o equilibrio. Pode practicarse en espazos urbanos ou sumar á experiencia o plus do contacto coa natureza.