As mortes nas carreiras populares volven poñer o foco na preparación previa dos participantes
Un corredor faleceu e outro está en estado crítico tras sufriren paradas cardiorrespiratorias durante o medio maratón de Madrid
Os expertos lembran que estas mortes súbitas adoitan estar relacionadas con patoloxías cardíacas non detectadas, e insisten na importancia de pasar unha revisión médica antes de participar nunha proba tan esixente
Estaba a 500 metros da meta cando se derrubou no chan. Foi trasladado sen pulso ao hospital e alí faleceu. Tiña 35 anos, era un dos corredores do medio maratón de Madrid.
"O risco de facer morte súbita nunha competición como un maratón ou medio maratón existe e está ligado a algunhas enfermidades cardíacas", explica o xefe do Servizo de Cardioloxía do HULA, Carlos Juanatey.
Minutos antes, outro corredor, de só 20 anos, tamén sufría unha parada cardiorrespiratoria. Está moi grave na UCI.
"En menores de 35 anos a causas máis frecuentes son as cardiopatías familiares", di José María Viétez, responsable da Unidade de Cardiopatías Familiares do HULA.
Pero as cardiopatías familiares non sempre son doadas de detectar. En Galicia tras o primeiro caso faise seguimento e estudo xenético.
"É importante facer ese estudo detallado e adiantarnos sobre todo nos pacientes máis novos, para previr estes sucesos e darlles recomendacións en canto o deporte", asegura o responsable da Unidade de Cardiopatías Familiares do HULA.
A recomendación é facer sempre un control básico antes de competir.
"Inclúe a historia clínica e un electrocardiograma, e en casos seleccionados algunha proba máis como a de esforzo ou o ecocardiograma", di o xefe do Servizo de Cardioloxía do HULA.
E prepararse cun adestrador porque son probas moi esixentes
José Manuel Peña, adestrador nacional de atletismo: "O que lles falta a moitos participantes é o sentido común e a responsabilidade persoal, inflúen as características da proba, ir o mellor preparado posible e se ese día por calquera motivo non te encontras ben, fai moita calor o mellor é unha parada a tempo", explica José Manuel Peña, adestrador nacional de atletismo.
As probabilidades de sufrir un infarto son moi baixas. E o deporte, mellor supervisado, ten máis beneficios que riscos.