A comunidade de Montes de Saiáns planta árbores frondosas contra o lume
Este proxecto ideouse despois daquela vaga de lumes do ano 2017 na que morreron dúas mulleres en Chandebrito
Están en contacto coas comunidades lindeiras para crear unha barreira natural ao longo dunhas sesenta hectáreas
Varias agrupacións forestais de Vigo, Arbo e Ourense están desenvolvendo un procedemento de reforestación para defender dos incendios as zonas con casas habitadas. Trátase de plantar especies frondosas para que actúen como escudos naturais.
No monte de Saiáns, a Agrupación Montes de Vigo Sur está desenvolvendo un proxecto que abarca a reforestación de 22 hectáreas con árbores frondosas, carballos, castiñeiros, freixos... que van servir de barreira de protección de zonas con casa,s como as da Medoña, en Priegue.
Esta fórmula antilume, aínda inédita en Galicia, ten como obxectivo final obter contratos de xestión pública tutelados pola Consellería de Medio Rural.
Teñen na mente os incendios de hai xa oito anos que danaron un terzo dos montes de Vigo e acabaron coa vida de dúas mulleres na veciña Chandebrito.
Uxío González e Xosé Luís García, presidente e vicepresidente da Comunidade de Montes de San Xurxo de Saiáns, levan catro anos traballando neste proxecto de crear un escudo verde que poida frear o lume antes de chegar ás casas.
"Somos conscientes de que algo tempos que facer para evitar no futuro isto. O obxectivo final é basicamente que teña continuidade desde Saiáns ata Teis. Pero loxicamente hai que ir paso a paso. Proximamente vaise incorporar a comunidade de Montes de Oia, a de Coruxo así como Camos, Chandebrito e Priegues", conta á TVG Uxío González, tamén presidente da recentemente creada Agrupación Forestal Montes de Vigo Sur.
Así serían 60 hectáreas. Pero hoxe o que teñen definido é a primeira parte do proxecto, 22 hectáreas. Desde a Comunidade de Montes de Saiáns, entre predios en estado de abandono, foron localizando nos últimos catro anos 31 propietarios privados, 32 con eles mesmos, os comuneiros.
Xa como agrupación forestal de xestión conxunta comezaron a plantar as frondosas na zona do Viveiro e do Carrasco.
"O proxecto este da Agrupación Forestal é de defensa, basicamente, e xa temos parte plantada, temos preto dunha hectárea plantada con medios da comunidade de Montes inicialmente. Temos de todo tipo de frondosas, freixos, pradairos, castiñeiros, carballos...", engade Uxío González.
Son especies menos combustibles ca outras, como o eucalipto, que poderían protexer do lume as casas e a xente.