Publicador de contidos

Publicador de contidos

Lugo lidera a recuperación de terreos con plantacións de castiñeiros

Lugo lidera a recuperación de terreos con plantacións de castiñeiros

En Galicia hai 50.000 hectáreas de soutos, a metade en Lugo

O uso desta especie autóctona non só permite sacarlle unha rendibilidade ao terreo coa produción de castaña, tamén serve de barreira fronte ao lume

Medio Rural conta cunha liña de axudas para recuperar soutos e facer novas plantacións, traballos aos que destina 1,3 millóns de euros 

G24.gal 26/03/2025 14:47

Oito anos tarda un castiñeiro en dar os seus primeiros froitos. Nunha zona arrasada polo lume na Pobra do Brollón agora recuperan os terreos con esta especie autóctona.

"Funciona como área cortalumes, e ao ser terra de uso agrícola buscamos algo produtivo como a castaña que é moi comercial", explica Tedy López, presidente da Mancomunidade de Montes de Salcedo.

O mesmo se está a facer ao outro lado do río, en Folgoso do Courel. En ambos casos os traballos fixéronse a través das axudas do Medio Rural, que designou 1.3 millóns a este tipo de plantacións.

 "Subvencionase a roza, a preparación do terreo, plantación de planta enxertada e o peche perimetral", comenta o xefe do Servizo de Montes de Lugo, Manuel González.

Houbo unha época en que a castaña era un importante complemento á economía familiar. Os produtores podían sacar ata 10.000 euros por campaña.

"Hoxe os soutos non son tan xenerosos, pero hai futuro. Fomentamos os enxertos de especies produtoras cun alto valor comercial, boas en tamaño, diámetro, calidade da castaña", explica Manuel González.

Como a castaña é un produto perecedoiro, as plantacións xa se configuran adaptándoas á recolección mecanizada "para facilitar a recolección e poñela na fábrica no menor tempo posible", di o presidente da Mancomunidade de montes de Salcedo.

O único en contra é a resistencia deste froito a algunhas enfermidades. 

 "As podas hai que facelas dun xeito moi coidadoso", asegura o xefe do Servizo de Montes de Lugo.

En Galicia hai 50.000 hectáreas de plantacións de castaños, e a metade están en Lugo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade