Recupera terras abandonadas nunha aldea de Riós plantando castiñeiros
Recupera terras abandonadas nunha aldea de Riós plantando castiñeiros
O proxecto naceu do interese de Dositeo Veiga por pór en valor as leiras da súa familia en Progo
Neste intre xa ten plantados 650 castiñeiros, ademais de nogueiras
O angazo da súa avoa conéctao cunha realidade que nada tiña que ver coa súa ata hai dous anos cando Dositeo Veiga, físico e hostaleiro, decidiu emprender un novo proxecto para recuperar as terras da familia plantando castiñeiros.
Formouse para facer rendible o cultivo e, negociando coa veciñanza, conseguiu xuntar máis de dúas hectáreas. O obxectivo é chegar ás cinco ou seis. Neste intre xa medran nesas leiras, ata hai nada abandonadas, 650 castiñeiros, ademais de nogueiras ou pistachos.
Para pór en marcha o proxecto contou coa axuda de micromecenados, xente que apadriñou algún destes exemplares. Ademais da rendibilidade económica, Leiras de Progo, di, é unha aposta polo futuro do rural e das vindeiras xeracións.