Nunha aldea de Lousame temen verse nunha urxencia pola estreiteza dos accesos
Varios veciños de Cernande afirman que ás súas casas non chegan nin ambulancias nin bombeiros
A aldea de Cernande, no concello de Lousame, ten unha vintena de veciños. Na parte máis interior do núcleo os accesos, creados cando non había coches, hoxe resultan estreitos.
"Un coche particular pasa", expón un veciño.
"Colle un coche pequeno, que sexa estreito", engade outra veciña.
Os residentes nas catro casas máis comprometidas pola angostura dos accesos temen, porén, que precise pasar un vehículo de emerxencias.
"A problemática máis gorda que temos en Cernande é que un día hai un incendio e un coche de bombeiros non pasa á casa e morremos aquí queimados. E unha ambulancia tampouco pasa", expón un afectado.
"Unha ambulancia non colle porque eu levei un tallo nesta man e tiven que ir á estrada. Despois á miña sogra deulle un ictus e tiveron que ir coa padiola polo camiño arriba", ratifica outro.
Explican que retranqueando a fachada dunha casa e tamén un muro o problema quedaría solucionado. Os donos destas propiedades comentáronnos fóra de cámara que están dispostos a ceder ou a que lles expropien o espazo preciso, pero os que reclaman a ampliación quéixanse de que non dá chegado.
"O problema é do concello que non o quere facer de momento, ata agora. Dicían que estaba previsto facelo pero chegar non chegan aquí para nada", mantén un dos afectados.
"Eu heino de crer cando o vexa feito", desconfía o outro veciño.
Aseguran que levan anos á espera da mellora dos accesos.