Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta activa a alerta laranxa este luns por temporal costeiro en toda Galicia e suspende a actividade deportiva

A Xunta activa a alerta laranxa este luns por temporal costeiro en toda Galicia e suspende a actividade deportiva

Tamén haberá alerta amarela por choivas en zonas da provincia da Coruña

(Elena Fernández - Europa Press) (Elena Fernández - Europa Press)
G24.gal 23/02/2025 13:38

A Xunta activa para este luns a alerta laranxa en todo o litoral costeiro, ante a previsión de ondas que poden alcanzar os seis metros, e suspende a actividade deportiva federada durante todo o día nos concellos afectados.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde as primeiras horas do luns no noroeste e oeste da Coruña e estenderase ao suroeste da costa coruñesa, á Mariña Lucense e ao litoral potevedrés.

Desta forma, a alerta prolongarase ata o luns pola noite por mar combinado do oeste ou noroeste con ondas de ata seis metros. Así mesmo, segundo Meteogalicia, varias zonas da provincia da Coruña activarán o aviso amarelo por choivas localmente fortes.

Durante a xornada do luns unha fronte activa cruzará Galicia e deixará, ao comezo do día, ceos parcialmente cubertos e con choivas na provincia da Coruña. A partir do mediodía haberá precipitacións xeneralizadas en toda Galicia e serán localmente fortes na metade norte e oeste.

En canto ás temperaturas, as mínimas terán un pequeno ascenso e, pola contra, as máximas descenderán. O vento será forte de compoñente sur-suroeste no litoral e moderado no resto, cambiando a noroeste co paso da fronte.

Ante os fenómenos meteorolóxicos adversos o Executivo galego lembrou a importancia de manterse afastado da liña de costa e pide extremar as medidas de seguridade cando se realice calquera actividade no mar e que se revisen cabos e amarres das embarcacións.

Tamén incide na importancia de retirar obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e xanelas e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, paneis publicitarios e de obxectos susceptibles de desprazarse co vento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade