Diego Calvo: "En Galicia temos protocolos para case todas as catástrofes naturais"
O conselleiro de Presidencia asegura que Galicia está preparada para un desastre como a DINA de Valencia
Calvo afirma que cada ano se poñen en práctica os protocolos de emerxencias para comprobar que funcionan ben e que hai coordinación entre todos os medios
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asegura que en Galicia hai protocolos para case todas as catástrofes naturais e que, durante o ano, se poñen en práctica para detectar puntos febles e perfeccionalos.
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, puxo como exemplo o simulacro do sistema ES-Alert na Coruña e en Arteixo que se realizou en outubro de 2024.
"Actualizamos os protocolos de maneira constante pero nunha emerxencia é difícil que todo saia perfecto"
Segundo Diego Calvo, da traxedia de Valencia e da experiencia dos equipos galegos de emerxencias que axudaron na zona "tamén aprendemos". Unhas ensinanzas, afondou, que se foron incorporando ós protocolos de Galicia.
"Espero que se pasase algo parecido os equipos galegos estean totalmente preparados. Dende logo planificado está e, sobre todo, hai que salvagardar as vidas humanas que é o máis importante "
Con todo, Diego Calvo, explicou que un desastre como o da DINA "é moi difícil que se dea en calquera punto do territorio. Se se dá en Galicia tamén habería anegamentos porque caeron máis de 600 litros en pouco máis de tres horas. Unha cantidade que non é normal".
Reforma da Xustiza
O conselleiro de Xustiza explicou que a Lei Orgánica de Eficiencia do Servizo Público de Xustiza, aprobada o pasado mes de decembro, afectará a todos os xulgados galegos. Diego Calvo botou en falta unha análise sobre o custo da aplicación desta reforma pola que os xulgados unipersoais pasarán a ser de primeira instancia e os xulgados de paz se converterán en oficinas de xustiza.
"Haberá que facer unha nova relación de postos de traballo e crear algunha praza".
Asegurou que a reforma busca unha mellor distribución do traballo pero "veremos cal é o resultado final". Engadiu que dende a Xunta "imos poñer todo pola nosa parte para que se consigan os obxectivos que persegue". Diego Calvo confiou en que con esta norma, que aposta pola mediación, "logremos unha xustiza máis áxil".
O titular de Xustiza tamén lamentou, na Radio Galega, que o Ministerio non atendese a petición para a creación dun xulgado de violencia machista comercializado en Santiago. Un xulgado que, segundo explicou, permitiría achegar ás vítimas os recursos dos que dispoñen.
Supresión de paradas de bus
O conselleiro de Presidencia reiterou a petición da Xunta para que o Goberno modifique o Plan Estatal de Transporte que contempla a supresión de 22 paradas de bus en Galicia.
"Levamos pedindo dende hai moitos meses que se convoque unha conferencia sectorial para debater este asunto porque o Goberno non tivo en conta a opinión das comunidades".
Diego Calvo sinalou que Galicia é a comunidade con maior dispersión poboacional e que é importante seguir mantendo as paradas nas cabeceiras de comarca".
"Agora o que fai o Ministerio é suprimir moitas desas paradas. Na viaxe a Madrid, elimina as de Melide e Arzúa. Non ten sentido".
Diego Calvo asegura confiar en que o Goberno cambie de opinión.
Transporte interurbano de Galicia
O conselleiro de Presidencia fixo balance, na entrevista dos domingos da Radio Galega, do sistema de gratuidade nas liñas de bus interurbanas. Diego Calvo cualificou de "éxito" o uso da "Tarxeta "Xente Nova" que permite facer ata 60 viaxes interurbanas de balde. Segundo explicou, este ano incorporáronse 14 mil menores de 16 anos polo que xa son 190 mil os rapaces que a empregan anualmente.
Calvo tamén destacou as vantaxes da "Tarifa +65" que comezou a funcionar en xaneiro de 2024 e que xa descargaron 148 mil maiores.