Publicador de contidos
Publicador de contidos

Aumenta a 24 a cifra de mortos polos incendios nos Ánxeles

Aumenta a 24 a cifra de mortos polos incendios nos Ánxeles

Reuters
G24.gal 13/01/2025 08:20 Última actualización 13/01/2025 14:30

A cifra de mortos polos incendios nos Ánxeles aumentou a 24 persoas, segundo datos publicados pola oficina do médico forense do condado.

Dos 24 falecidos, 16 morreron no incendio de Eaton e o resto no de Palisades.

Ademais, das vítimas só dúas foron identificadas: Charles Mortimer, de 84 anos, que morreu no de Palisades, e Victor Shaw, de 66, que morreu no de Eaton.

Segundo confirmou o shériff do condado dos Ánxeles, Robert Luna, agora hai 153.000 persoas evacuadas e dependendo da evolución dos incendios outras tantas poderían correr a mesma sorte. O xefe dos bombeiros, Anthony Marrone, asegurou que non poderán volver aos seus fogares ata que se levante a alerta vermella, probablemente o xoves.

Os bombeiros seguen loitando contra os graves incendios que desde o martes arrasan Os Ánxeles. Son os máis graves o de Palisades, que se mantén contido só nun 11 %, e o de Eaton, que está contido nun 27 %, segundo os últimos datos do Departamento Forestal e de Protección contra Incendios de California, Cal Fire.

Mentres, o incendio Hurst está contido nun 89 %.

Está previsto que desde este luns ata o mércores as condicións meteorolóxicas empeoren e dificulten así o traballo dos profesionais.

O gobernador de California, Gavin Newsom, despregou este domingo na área dos sinistros outros 1.000 membros da Garda Nacional do Estado, co que a dotación aumentou ata uns 2.500 efectivos.

Newsom tamén asinou unha orde executiva que suspende importantes regulacións ambientais con miras a axilizar a reconstrución de vivendas e edificios.

O sinistro queimou máis de 5.700 hectáreas, destruíu polo menos 7.000 estruturas e obrigou a evacuar máis de 150.000 persoas.

A causa dos incendios é aínda descoñecida, e Luna indicou que se barallan todas as posibilidades. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade