Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rescatan varios veciños dun edificio ardendo en Vigo

Rescatan varios veciños dun edificio ardendo en Vigo

O lume comezou nun sétimo andar e obrigou a evacuar persoas do noveno piso

Unha muller foi trasladada ao hospital con queimaduras

G24.gal 17/04/2025 20:48 Última actualización 18/04/2025 14:56

Os Bombeiros de Vigo rescataron este xoves varios veciños dun edificio no que se declarou un incendio na rúa Isaac Peral.

Segundo informou o 112 Galicia, o incendio iniciouse no sétimo andar pasadas as 18:00 h e obrigou ao traslado dunha muller cunhas queimaduras de consideración a un centro hospitalario.

Varios particulares alertaron do incendio ao ver o fume e as lapas, mesmo desde rúas próximas.

Ata o lugar acudiron os Bombeiros de Vigo, axentes da Policía Nacional e Local e persoal sanitario do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Os equipos de intervención rescataron con escaleira varios veciños do noveno andar que quedaran atrapados polo fume. Ademais, unha muller foi evacuada ao hospital con queimaduras.

Segundo as primeiras hipóteses, o incendio puido iniciarse na cociña da vivenda afectada. Os Bombeiros continúan traballando na zona, aínda que indican que a situación está controlada.

A pegada do fume é evidente no interior do edificio. Todo o tiro de escaleiras cheira a queimado. O incendio comezou no sétimo, onde vive unha muller duns oitenta anos. Unha candea que tiña prendida sobre unha mesa acabou provocando un incendio no piso. Foi a súa veciña, coa que convive dende hai cinco décadas, a primeira en acudila. 

"Foi dantesco porque eu oín os berros", conta Gloria aínda co susto no corpo, "pero non sabía onde era. Cando abrín a porta, saiu unha fumareda e foi horroroso porque, ao me achegar, non vía máis ca fume. E ela dentro da casa e non quería sair".

Os bombeiros utilizaron o camión-escaleira para baixar, primeiro, as nenas e logo ao home co can. A veciña do sétimo sufriu queimaduras na cara e nunha perna pero a súa familia di que está ben.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade