Dá un xiro á súa vida, do cine a coidar animais de granxa abandonados
A caracterizadora Mara Collazo está á fronte do refuxio de animais Acougo
Mara Collazo ten un Goya, un Mestre Mateo e optou ao Óscar como maquilladora e caracterizadora no cine. Gozou e segue gozando da súa profesión pero quería algo máis na vida.
"Tiven moita sorte no mundo do audiovisual. Puiden percorrer mundo, puiden traballar cos máis grandes e foron uns anos moi felices na miña vida, pero quedábame algo por facer: axudar a cambiar un pouquiño o mundo", explica a caracterizadora e agora tamén responsable do refuxio de animais Acougo.
E fíxoo creando un refuxio de animais, Acougo, na Laracha, onde acolle animais de granxa vítimas de maltrato, abandono ou que quedaron sen fogar.
"En Galicia hai moita xente maior que por tradición ten uns poucos animais na casa, unhas ovellas, un burriño, un cabalo ou unhas vacas, e cando se fan maiores van a unha residencia ou morren, e que facemos con eses animais?", pregúntase Mara Collazo.
O refuxio non ten axudas institucionais. Custeao cos seus aforros, o seu soldo como maquilladora e as achegas que recibe da xente, a través das súas páxinas en Instagram, Facebook e na web acougo.org.
"Cunha achega de 10 euros, como socios, ou de 15 como padriños, apóiannos", engade Mara.
Actualmente ten 69 animais e axúdana a coidalos tres voluntarios. Tamén conta co apoio de veterinarios.
"O que teña un oficio que nos poida axudar, agradecémolo, e o que non, con boa disposición, tamén axuda. Todos somos útiles", subliña a responsable do refuxio.
Mara subliña que o refuxio ten vocación de seguir crecendo para dar resposta á maior cantidade posible de animais.
"Segundo teñamos medios poderemos seguir rescatando animais, porque é infinito. Sempre hai animais aos que axudar", insiste esta caracterizadora que lle deu un xiro á súa vida.