Mil persoas participan no campionato de futbolín de Rábade
O "Máster Nacional de Futbolín" é un dos torneos máis importantes de España
O torneo vénse celebrando en Rábade desde o xoves pasado
O de Rabade é un dos campionatos de futbolín máis importantes.
"Foi o precursor, o pioneiro en Galicia nisto do futbolín, e é agora mesmo o que ten máis prestixio a nivel nacional", asegura un xogador.
"Pola historia, polos premios, polos trofeos, por todo un pouco", din desde a organización.
O prestixio do torneo atrae as mellores mans deste deporte de mesa.
"Nós vimos desde Asturias. É case o torneo máis grande de España, veñen xogadores moi top", di un participante.
"Intentar gañar dentro do que se pode, tendo en conta a calidade que hai aquí", asegura outro xogador.
"As habilidades máis importantes son os reflexos e moito adestramento, para ver por onde a podes meter mellor", di unha xogadora.
Desde o xoves, mil participantes compiten nas tres modalidades do torneo: en parado, en movemento e combinada.
"Hoxe xa é a última xornada, onte foi un éxito de participación. Hoxe temos aquí a 300 parellas na modalidade de movemento", explican desde a organización do torneo.
Din que a competición está sendo moi intensa. Os tres días de torneo xa se notan nas mans.
"Xa nos saen durezas nas mans, pero moi ben, é moi gratificante".
Despois de 26 anos organizando o torneo, Rábade é xa un referente deste xogo que inventou un fisterrán, o poeta e editor Alejandro Campos.