Publicador de contidos

Publicador de contidos

As discotecas incendiadas en Murcia en 2023 non estaban ben illadas para frear o lume

As discotecas incendiadas en Murcia en 2023 non estaban ben illadas para frear o lume

O informe pericial encargado pola xuíza conclúe que as salas non contaban coas condicións de compartimentación requiridas  que servisen de barreira en caso de incendio

Trece persoas faleceron como consecuencia do sinistro

 

Arquivo /  Javier Carrión / Europa Press Arquivo / Javier Carrión / Europa Press
G24.gal 27/03/2025 08:30

 As discotecas incendiadas en Murcia en 2023, nas que faleceron 13 persoas, non estaban correctamente compartimentadas para evitar a propagación do lume dunha sala á outra e tampouco cumprían coas distancias máximas dos percorridos de evacuación, segundo un informe pericial solicitado pola xuíza que instrúe o caso.

O informe foi elaborado por un perito-arquitecto a pedimento da instrutora para determinar cales eran as medidas de seguridade contra incendios e de evacuación que debían cumprirse na nave onde estaban situadas as discotecas.

O documento considera probado que existían na edificación sinistrada dous establecementos (discotecas Teatre e Fonda Milagros) que, aínda que tiñan unha única licenza de actividade, eran dous negocios diferentes, rexentados por dous titulares diferentes, que realizaban de forma independente o mantemento das súas instalacións de protección contra incendios.

Ao seren dous negocios distintos, as dúas discotecas debían constituírse como sectores de incendio diferenciados e tiñan que ter unha separación compartimentada e con paredes cun nivel de resistencia ao lume denominado EI90, unha clasificación utilizada en construción que indica que a parede que divide cada sector ofrece ata 90 minutos de illamento e integridade, de maneira que o lume tardaría 90 minutos en pasar dun sector a outro.

A perito indica que a parede traseira da nave e as medianeiras si que tiñan acreditada esa clasificación, pero non a fachada principal nin tampouco a separación horizontal dos dous locais nin a cuberta.

Ademais, o informe sinala que existían instalacións de climatización que cruzaban dun establecemento ao outro, polo cal tampouco estaban compartimentados correctamente os espazos ocultos e pasos de instalacións.

En canto ás portas situadas na parede que separaba os dous locais, o informe constata que non contaban con dispositivos de accionamento antipánico para a evacuación e sinala que non se pode determinar se eran portas devasas, debido a que non existe ningún tipo de documentación que así o avale.

Por tanto, conclúe a perito, ningún dos establecementos contaba coas condicións de compartimentación requiridas para efectos de seguridade contra o incendio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade