Arde unha casa en Culleredo sen que se rexistren danos persoais
As dúas persoas que había no interior da vivenda conseguiron saír ilesas
O interior dunha vivenda en Culleredo ardeu completamente debido a un incendio rexistrado na madrugada deste xoves que, con todo, non provocou feridos nin danos persoais, segundo informou o CIAE 112 Galicia.
A alerta saltou pouco antes das 4:00 horas, cando varios particulares chamaron a Emerxencias para informar de que estaba a arder unha casa de dous andares na Avenida de Cordeda, en Rutis.
Ata o lugar desprazáronse efectivos da Policía Local, que confirmaron que se estaba producindo un incendio e que, no interior da vivenda, había dúas persoas, de 55 e 57 anos, que lograron saír do inmoble ilesas, a través da ventá dun dormitorio.

Os bombeiros de Arteixo e Betanzos traballaron durante horas para extinguir as chamas e sobre as 6:30 horas deron por controlado o incendio. Nos labores de extinción, os bombeiros tiveron que empregar un vehículo de altura e, tras controlar o lume, a súa intervención prolongouse con tarefas de refrixeración.
Neste operativo tamén colaboraron Urxencias Sanitarias de Galicia-061 (alertados de maneira preventiva), e axentes de Garda Civil e Policía Local.