Morre en Salvaterra de Miño unha traballadora golpeada por un bloque de granito
Ao parecer, un bloque de granito desprendeuse do peche dunha leira e caeu sobre a muller que rozaba os viñedos

Unha traballadora morreu na mañá deste luns en Salvaterra de Miño (Pontevedra), ao ser golpeada por un bloque de granito cando realizaba tarefas de roza nunha zona de viñedos.
Ocorreu sobre as 10:50 horas no quilómetro 1 da PO-403, segundo informa o 112 Galicia. A chamada de alerta dábaa unha compañeira da vítima, que solicitou asistencia sanitaria urxente ao comprobar a gravidade da situación.
Ao parecer, un bloque de granito desprendeuse do peche dunha leira e caeu sobre a muller que rozaba os viñedos. Inmediatamente, o 112 Galicia mobilizou ao persoal de Urxencias Sanitarias-061, aos bombeiros do Porriño, ao GES de Ponteareas, á Garda Civil e á Policía Local.
A pesar da rápida intervención dos servizos de emerxencia, nada se puido facer por salvarlle a vida á operaria.