Un incendio calcina unha casa en Valdeorras
Crese que detrás do sinistro está un intento de roubo porque as portas apareceron forzadas
A Garda Civil investiga as causas dun incendio que calcinou case por completo unha vivenda na aldea de Cesures, no Barco de Valdeorras. Non se descarta que poida estar relacionado cun intento de roubo. Segundo o propietario, apareceron varias portas forzadas.
Foron os veciños os que se decataron de que algo acontecía cando, contra as once da noite marchou a luz en toda a aldea.
Os donos viven no Barco e rehabilitaran a casa como segunda residencia.
As lapas comezaron na zona do garaxe e estendeuse á vivenda onde só se salvou a zona da adega.
A falta de efectivos no Parque de bombeiros de Valdeorras e no GES no Barco obrigaron a activar os de Quiroga.
Tamén participou unha brigada do Medio Rural. As tarefas de extinción centráronse sobre todo en evitar que as lapas afectaran as vivendas lindeiras.
O lume quedou extinguido contra a unha mañá. Axentes da Policía Xudicial inspeccionaron na zona para intentar determinar as causas.
A Garda Civil investiga unha posible tentativa de roubo. Segundo o dono, xa foi vítima dos ladróns noutra ocasión.