Varios incendios forestais que azoutan Corea dende hai unha semana deixan xa 24 mortos
Tamén hai preto dunha vintena de feridos e 27.000 persoas tiveron que ser evacuadas

As autoridades e servizo de bombeiros seguiron este mércores tratando de conter os incendios forestais que azoutan desde hai seis días o sueste de Corea do Sur a causa do forte vento e que deixaron xa polo menos 24 mortos.
As lapas, que comezaron cun primeiro foco o pasado venres na provincia de Gyeongsang do Norte, estendéronse desde entón aos condados circundantes, onde queimaron máis de 17.000 hectáreas, debido aos fortes ventos e o aire seco que afecta á rexión.
Entre as 24 vítimas atópase un piloto que faleceu ao esnafrarse un helicóptero que participaba nas tarefas de extinción.
Tamén hai preto dunha vintena de feridos, seis deles de gravidade, e decretáronse ordes de evacuación para máis de 27.000 persoas.
O exército despregou desde o pasado venres uns 5.000 efectivos e 146 helicópteros para participar nos labores de extinción xunto aos corpos de bombeiros.
Patrimonio en risco
O incendio avanzou a 5 quilómetros da vila de Hahoe, a uns 190 quilómetros de Seúl e un dos lugares máis famosos do país, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 2010.
A Aldea Folclórica Hahoe é unha aldea tradicional da dinastía Joseon que conserva a arquitectura de estilo dese período.
Tamén conta con libros valiosos e unha antiga tradición de aldeas baseadas en clans.
Os incendios calcinaran ata primeira hora de hoxe un total de 17.534 hectáreas, danando 209 estruturas, incluídas casas, fábricas, templos e bens culturais.