O desfile de piñata en Celanova ponlle fin ao Entroido na provincia de Ourense
Máis dun milleiro de persoas desfilaron este sábado polas rúas da vila
A celebración adiouse tres semanas para sortear a chuvia e lucir en todo o seu esplendor
As gárgolas do mosteiro de San Salvador encabezan o desfile de piñata. Tras elas, máis de corenta comparsas desfilaron nesta cálida tarde de primavera, ao redor de mil catrocentas persoas ás que o espírito do Entroido se resiste a abandonar.
A maioría dos participantes son xente da zona, entroideiros de toda a vida que aprenden a vivir esta festa desde a infancia.
Pero tamén hai quen vén de fóra, estirando o máis que se poida o Entroido. É o caso dos de Parada de Amoeiro, que levan percorrido media provincia no seu tranvía portugués.
Tamén se apuntaron os rapaces de Rairiz de Veiga, amantes da fórmula 1, os coches e a mecánica.
Agora si, a golpe de finais de marzo, podemos informar de que o Entroido de 2025 rematou na provincia de Ourense.