Publicador de contidos

Publicador de contidos

A veciñanza de Samieira despide o Entroido ao ritmo dos Bridgerton

A veciñanza de Samieira despide o Entroido ao ritmo dos Bridgerton

A Asociación Galo Bruxo de Samieira vota o tema central do Entroido despois dunha tormenta de ideas colectiva 

Santa María de Samieira, no concello de Poio, despide o Entroido cun desfile de carrozas e co enterro do galo bruxo

G24.gal 29/03/2025 21:22 Última actualización 29/03/2025 22:10

En Santa María de Samieira, no municipio de Poio, sempre son os últimos galegos en despedir o Entroido co enterro do galo bruxo. Este serán, coa Semana Santa xa á vista, puidemos ver un desfile orixinal e cheo de contrastes.

Polas rúas e corredoiras os veciños luciron espectaculares seguindo o ritmo dunha das series máis rompedoras dos últimos anos, Os Bridgerton. Ver para crer. 

O mérito deste desfile de Entroido é implicar novos e vellos. A modernidade, a vistosidade e o ritmo dunha serie pop percorreron este serán as corredoiras de Samieira, dende o lugar de Arén a Río de Bois. Os Bridgerton, a familia londiniense do século XIX ten hoxe unha pléiade de fans.  

"Hai moita xente que nunca vira a serie, eu tampouco, e agora quedamos todos alucinados. Todos aquí estivemos vendo a serie. 'Os Bridgerton'. Agora vai saír a cuarta parte e xa estamos agardando para vela", conta a TVG Tino Pérez, da Asociación Galo Bruxo de Samieira.

"Normalmente sempre se comparten varias propostas e votamos en consenso a que máis nos gusta. É moi complicado porque todas as propostas sempre adoitan ser chulísimas. Pero este ano 'Os Bridgerton' foi unha opción que gustou moitísimo. E como ademais está moi de moda, pois arriscamos moito e aló fomos", engade a raíña Carlota de Inglaterra.

"Este ano unha das propostas era 'Os Bridgerton'. E estivo claro que tiña que ser porque era agora ou nunca. Porque é a serie do momento. E xa non houbo lugar nin a votación. Para isto hai dúas ou tres modistas detrás que están facendo durante moitos meses noventa traxes", matiza Penélope Featherington.

"Eu xa era fan antes pero agora son máis fan aínda. Porque como que te metes no papel da serie, dos actores... é moi bonito poder vivilo e ser ademais fan da serie", confesa Pablo Durán, un londiniense casadeiro do século XIX. 

Ademais dos Bridgerton, o diamante deste carnaval, participaron comparsas máis tradicionais nun desfile encabezado polo galo bruxo que arestora xa foi incinerado, como manda a pequena tradición de trinta anos de historia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade