Publicador de contidos

Publicador de contidos

Artesás de Mazaricos imparten obradoiros para facer os sancosmeiros tradicionais

Artesás de Mazaricos imparten obradoiros para facer os sancosmeiros tradicionais

Pertencen á asociación Trenzarte que naceu en San Cosme de Antes

De aí toma o seu nome o sancosmeiro, o sombreiro tradicional que elaboran

Un sancosmeiro que elaboraron no obradoiro
G24.gal 30/03/2025 20:51 Última actualización 30/03/2025 21:36

Ángela García forma parte da asociación Trenzarte, un colectivo de artesás que naceu en San Cosme de Antes, no concello de Mazaricos. O seu obxectivo é manter viva a elaboración artesanal deste sombreiro tradicional.

"A asociación naceu porque o sancosmeiro estaba un pouco perdido e porque queriamos revitalizalo. A xente antes sabía facer sombreiros, pero ultimamente case non quedaba xente que soubera", explica Ángela García.

Tanto Ángela coma as demais artesás da asociación levan anos transmitindo o seu saber en obradoiros que imparten por toda Galicia. Desta volta, no Liceo de Noia.

"Ao principio é cuestión de coller destreza. A parte de arriba do sancosmeiro é moi complicada de facer e tamén facerlle a baixada. Todas as partes son complicadas e laboriosas", asegura unha alumna do obradoiro.

"Que non se perda, porque un día han faltar as persoas que saben facer os sancosmeiros e despois nós non saberemos facer nada", di outra alumna.

"É moi bonito que quede para sempre, e tamén a ilusión de dicir "este fíxeno eu", explica outra asistente ao curso.

Ademais de facer obradoiros, a asociación Trenzarte ten 10 puntos de venda de sancosmeiros e doutras pezas de artesanía elaboradas con palla trenzada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade