Moeche saborea a VII edición da súa Feira do Queixo
A cita reúne trinta e tres queixerías, dezaoito galegas e quince procedentes doutras comunidades
Máis de trinta queixerías participan na sétima edición da Feira do Queixo de Moeche, unha cita ben consolidada que conseguiu espertar o interese dun bo número de queixerías e denominacións de orixe de fóra de Galicia.
Entre elas, está a queixería asturiana Asiegu, a única ecolóxica amparada pola Denominación de Orixe Protexida Cabrales.
"Notamos que aquí o noso queixo non lle gusta a todo o mundo porque é un queixo forte e intenso. En Galicia tedes moitas variedades e moi ricos, pero completamente distintos aos que temos na zona oriental de Asturias", explica Rocío Bueno, da queixería Asiegu.
Tamén hai queixos contundentes no posto reservado para as variedades internacionais, madurados nunha empresa de Vigo.
"Tocamos os Alpes e os Pireneos. Temos queixos de Italia e Suíza, os gruyère e os parmesano e temos tamén os queixos dos Pireneos franceses", enumera Olga Milla.
Entre as trinta e tres queixerías, dezaoito galegas e quince procedentes doutras comunidades, hai variedades para todos os padais, incluído, por suposto, o queixo tradicional de Moeche, como o de Senén Ramos
"Son queixos suaves e cremosos, semicurados. Agora estamos innovando cun queixo novo, con outra textura e outro sabor, pero conservando o de aquí", matiza Senén Ramos, quiexeiro de Moeche.
A carón do espazo dedicado ao queixo, hai outro cunha oferta apetecible de produtos de alimentación baixo o selo de Artesanía Alimentaria. A programación da feira inclúe catas, obradoiros infantís e visitas ao castelo de Moeche.