Unha xuíza non ve indicios contra Miguel Ángel Rodríguez por filtrar datos de xornalistas
Neste caso,"de ningún xeito pode estar comprendido no concepto de 'segredo, dato ou información reservada', pois ningunha afectación á esfera privada dos xornalistas tivo lugar coa súa soa identificación nominal", segundo a xuíza

Unha xuíza non viu indicios dun delito de revelación de segredos contra Miguel Ángel Rodríguez, xefe de gabinete de Isabel Díaz Ayuso, por enviar a un chat datos de xornalistas -os seus nomes, apelidos e unha foto- que a maxistrada considera que teñen "escasa ou nula relevancia" na afectación da súa intimidade.
A titular do Xulgado de Instrución 25 de Madrid rexeitou nun admitir a trámite a denuncia interposta polo PSOE e a querela presentada polos dous xornalistas do diario El País afectados.
E fíxoo en contra do criterio da Fiscalía, que solicitou abrir unha investigación ao soster que os feitos denunciados "poderían ser constitutivos dun delito de revelación de segredos".
Segundo a denuncia, o xefe de gabinete da presidenta da Comunidade de Madrid enviou o 19 de marzo de 2024 a un chat de xornalistas a foto de dous informadores do citado diario, o seu nome e apelidos nunha mensaxe en que indicaba que estiveran "acosando os veciños da presidenta, incluído nenas menores de idade, nun acoso habitual en ditaduras".
Eses datos obtívoos dun policía pertencente á escolta de Díaz Ayuso que identificou os xornalistas mentres realizaban unha investigación sobre a vivenda da presidenta madrileña e a súa parella.
A mensaxe enviouse uns días despois de coñecerse que a parella de Ayuso, Alberto González Amador, fora denunciado pola Fiscalía por unha fraude fiscal duns 350.000 euros.
A maxistrada considera "intranscendente penalmente" a identificación destes dous xornalistas con nome e apelido, así como a súa foto, e cre que teñen "escasa ou nula relevancia" na afectación da intimidade ou esfera privada de quen exerce o seu traballo, dado que non incorpora "referencias engadidas a ámbitos íntimos, persoais ou confidenciais".
Ao analizar o delito de revelación de segredos, que debe ser cometido por autoridade ou funcionario público sobre segredos coñecidos por razón do seu cargo, a xuíza afirma que "non todo quebrantamento do deber de sixilo e discreción" é constitutivo de delito.
Debe xerar -explica- un dano ao servizo público ou a un terceiro de "certa relevancia".
Neste caso, a "simple referencia ao nome e primeiro apelido de dous profesionais" que foran identificados pola Policía e que foron divulgados nun chat integrado por Rodríguez, "de ningún xeito pode estar comprendido no concepto de 'segredo, dato ou información reservada', pois ningunha afectación á esfera privada dos xornalistas tivo lugar coa súa soa identificación nominal".
Apunta ademais que os xornalistas tampouco consideraron vulnerada a súa intimidade, dado que non acudiron á Xustiza "ata case un ano despois de producirse os feitos e unha vez xa interpuxera denuncia" o PSOE.
A mensaxe de Miguel´Ángel Rodríguez, conclúe a xuíza, "fóra das inexactitudes, do ton ou das expresións utilizadas (...) non contén ningún dato reservado ou de carácter persoal dos dous xornalistas afectados", que, ademais, non foron obtidos de forma ilícita.