Un home ameaza cunha machada os axentes que ían detelo en Arteixo
O home foi detido como presunto autor dun atentado contra axentes da autoridade e polas requisitorias xudiciais

Un home, con iniciais A. H. G., foi detido tras ameazar os axentes da Policía Local de Arteixo e da Garda Civil que acudiron ao seu domicilio tras ser alertados polo seu fillo porque se volveu agresivo e estaba a romper varias cousas da casa.
Os feitos sucederon na noite do sábado ao domingo en Viladorrís. Unha vez no inmoble, os axentes comprobaron que o home xa non se atopaba no domicilio. Ao baixar, observaron que había un contedor ardendo nunha rúa próxima e deron aviso aos bombeiros. A continuación, desprazáronse ao lugar dúas patrullas da Policía Local, que atoparon ao home na rúa Vicente Risco.
Nese momento, segundo o relato policial, o home virouse cara aos axentes cunha machada, ao que os efectivos da Policía responderon cunha táser.
Con todo, conseguiu fuxir dos axentes, que o volveron a localizar posteriormente na avenida de Platas Varela escondido debaixo dun furgón.
Ademais, tras opoñer "en todo momento resistencia activa e agresiva", varios familiares presentáronse no lugar co obxectivo de impedir a detención "e con ánimo de agredir os axentes", polo que tamén foron identificados polas forzas de seguridade.
Finalmente, o home, que tiña dúas requisitorias dun xulgado da Coruña para a súa busca, detención e ingreso en prisión, foi detido como presunto autor dun atentado contra axentes da autoridade e polas citadas requisitorias xudiciais.