A dura historia con final xa case feliz de Yoko, o chimpancé que viviu cun narcotraficante
O seu dono ensiñárallle a comer con culler ou a andar en bicicleta, e fixo que Yoko se sentira máis humano ca chimpancé
Co seu traslado a un santuario do Brasil xa non quedan en Colombia grandes simios en catividade
Agora a esperanza é que co tempo aprenda a relacionarse cos outros chimpancés do santuario
Yoko é o último chimpancé que quedaba en catividade en Colombia, e acaba de comezar unha nova vida no Brasil. Atrás quedan os anos que pasou convivindo cun narcotraficante que o sentaba a ver a tele, lle poñía roupa de luxo e lle ensinou a andar en bicicleta.
Comezamos a historia de Yoko no momento en que o trasladan dende un bioparque de Colombia ata un avión. O chimpancé Yoko voou esperto. Quizais rememorando a súa vida co narcotraficante.
Entre humanos tivo unha vida moi solitaria. Pero agora conseguiron un bo lugar para el no Brasil. Yoko aterrou nun famoso santuario con máis de 40 chimpancés. Neste primeiro mes de adaptación está illado, porque o chimpancé humanizado igual aínda non entende os chimpancés.
Pero a ver se se dá relacionado. Estes animais poden vivir ata os 60 anos. Yoko ten 38. Quédalle tempo para ser o que nunca lle deixaron ser, chimpancé.