Detido en Lugo por estafar os usuarios dun chat de servizos de compañía
A vítima realizou varios ingresos aos presuntos estafadores por un importe total de 3.000 euros

Axentes do Corpo Nacional de Policía (CNP) detiveron un veciño de Lugo, un home de mediana idade, por estafar os usuarios dun chat utilizado para contratar servizos de compañía, aos que supostamente ameazaba para esixirlles pagos cos que se abría apropiado de forma ilícita duns 3.000 euros.
Segundo a información facilitada este luns pola Comisaría Provincial de Lugo, a investigación foi desenvolta por axentes especializados na persecución da ciberdelincuencia, despois dunha denuncia presentada nunha localidade de Madrid por un cidadán que empezara a recibir ameazas tras facer uso desa canle de comunicación.
Os autores desas ameazas solicitábanlle o pago de diversas cantidades de diñeiro por prexudicar “a imaxe” dese chat. Baixo presión, supostamente, a vítima realizou varios ingresos aos presuntos estafadores, por un importe total de 3.000 euros.
Ao comprobar que as ameazas non cesaban, do mesmo xeito que a reclamación de máis diñeiro, acabou por presentar denuncia na Policía Nacional.
Tras unha “intensa investigación”, os axentes encargados do caso chegaron a identificar e localizar ao suposto autor das ameazas, un veciño da cidade de Lugo que supostamente cobrou os importes ingresados pola vítima.
Por iso foi detido como suposto autor dun delito de estafa e posto á disposición da autoridade xudicial.