Propietarios dun edificio en Lugo impiden, coa axuda da Policía, que lles ocupen os pisos
A interrupción da suministración eléctrica cando manipulaban os contadores para engancharse ilegalmente á luz alertou os propietarios
Novo intento de ocupación en pisos de Lugo, que neste caso quedou niso: en tentativa, porque ao lado do edificio residían os propietarios, que se decataron do que estaba a pasar e avisaron a policía, que desaloxou os intrusos.
O obxectivo dos ocupas era un edificio novo, a estrear. De feito os propietarios do inmoble estaban agardando pola licenza de habitabilidade. O domingo pola tarde unha ducia de persoas forzaron as portas coa pretensión de instalarse nos pisos.
Pero dáse a circunstancia de que ao manipular o contador da luz, provocaron unha interrupción na subministración que alertou o pai dos propietarios, que reside no edificio anexo. Avisou os seus fillos que os pillaron na allada.
"Cando chegamos xa tiñan a porta rebentada, cortaran a luz e accederan xa a tódolos pisos e as portas dos pisos atrancadas", conta un deles.
Iniciaron na rúa unha discusión con dous dos ocupas que se negaron a abandonar o edificio a non ser que lles pagasen.
"Nos ameazaron e incluso nos extorsionaron. O primeiro deles que saiu pola porta nos dixeron que compraran o edificio por 500 euros, en plan mofa, e despois cando viron que non tíñamos intención de ceder, esixíronos 200 euros por piso", aseguran.
Os propietarios, dous irmáns, reaccionaron con rapidez e bloquearon a porta do portal cun cadeado de cable, deixando illadas nos pisos as mulleres e os nenos.
Foron horas de negociacións entre os axentes da Policía e os ocupas, que fixeron gala de coñecer ben a lei e aseguraban que xa levaban máis de cinco días vivindo alí.
"Era a palabra deles contra a nosa. Eles dicían que levaban aquí vivindo varios días pero nos tiñamos probas de que non era tal. Chamamos ao noso avogado que nos deu instrucións de coma actuar."
Xa case entrada a noite, cando viron que comezaban a chegar máis patrullas da Policía Nacional, abandonaron finalmente o edificio. "A medida que se foi facendo noite e eles non tiñan cousas nin roupa nin comida, acabaron marchando."
Os propietarios pasaron toda a noite no interior vixiando e van contratar unha empresa de seguridade.