Veciños e Policía Local frustran un suposto intento de ocupación en Ribeira
Os supostos ocupantes non estaban na vivenda cando foi a policía, pero xa meteran caixas e maletas nela
Investigan se os obxectos atopados na vivenda puideran ser material roubado
Caixas, maletas e cousas varias meteran xa na vivenda os que entraron nunha casa do centro de Ribeira, que presuntamente querían ocupar. Tiñan feita a mudanza, pero a frustraron os veciños: ao detectar movementos estraños na casa, deron a alarma á Policía Local.
Os axentes chegaron axiña, pero non atoparon ninguén dentro do inmoble. Inspeccionaron a vivenda coa propietaria e sacaron todo o que non era dela. Agora investigan se esas cousas puideran ser material roubado. Gárdanas no depósito municipal, por se alguén as reclama.
Hai denuncia interposta na Policía Nacional, que investiga os feitos. Trataríase dun presunto delito de danos na propiedade, e outro de usurpación, que non de ocupación. Sería un delito leve, porque os que entraron aínda non estaban vivindo nela. Fora ou non a súa intención, frustrárona os veciños.
Dende o Concello insisten na importancia desa colaboración veciñal para que a policía poida intervir canto antes nestas situacións.