Deteñen dous homes en Fisterra e investigan outro por roubar nasas nos portos de Muros e Lira
A Garda Civil atopou a nave onde gardaban os aparellos, que despois vendían a 5 euros

Unha operación conxunta da Garda Civil de Muros e de Corcubión permitiu desactivar unha banda delitiva que se dedicaba, entre outras cousas, ao roubo de nasas en portos dos arredores da ría de Noia. O operativo comezou hai unhas semanas, despois de que un armador de Muros denunciara a subtracción de varios destes aparellos de pesca. Houbo máis no porto da localidade ata que aumentou a vixilancia.
Despois, os ladróns foron ata Lira para roubar neste porto do concello de Carnota. Na confraría organizáronse para vixiar e conseguiron evitar máis roubos, ata que hai poucos días descubriron que as nasas se vendían en Fisterra por 5 euros, en lugar dos 90 que custan habitualmente.
A Garda Civil atopounas nunha nave desa localidade da Costa da Morte e detivo os dous presuntos ladróns, que xa pasaron a disposición xudicial. Outro implicado máis que xa estivo involucrado en varios incidentes relacionados co tráfico de drogas está a ser investigado tamén pola receptación dese material roubado.