Deteñen un sospeitoso, reincidente, dos últimos roubos de Santiago
Unha clínica de podoloxía e un restaurante da zona histórica, últimas vítimas dos cacos
Son pequenos delincuentes que buscan efectivo fácil para comprar droga, polo que a policía os identifica facilmente
Custoulle romper o cristal, como se ve nas imaxes gravadas pola cámara de seguridade, pero a base de golpes e motivado pola necesidade, conseguiuno.
"Chamaron a policía porque escoitaron ruídos moi fortes. Foi unha persoa que entrou no negocio rompendo o cristal coa tapa dun sumidoiro e levou as moedas do cambio e as propinas das compañeiras", explica Marina Porto, propietaria da clínica de podoloxía das Galeras.
Mesmo modus operandi e mesmo individuo (cren) que tantas outras veces. Levou o que había na caixa, os cambios e o bote das propinas. Moito menos das perdas que provocou.
"Rompe o escaparate, o negocio queda desprotexido, o seguro, a policía, a denuncia. Unha posta en escena desproporcionada para o que obtén. E dálle igual sexa unha clínica ou un bar", engade Porto.
E tanto que lles dá igual. Só unhas horas despois, con menos estrago, pero mellores resultados, entraban no restaurante María Castaña, nun descoido do camareiro que abriu.
"Foi moi rápido. Levou a metade da recadación do día anterior, que foi domingo, e polas noites non estamos as dúas persoas que facemos a caixa. El entrou porque lle cadrou, veu a ocasión e entrou. Levou diñeiro de aquí", lamenta Xan Galbán, xerente do María Castaña.
Non se descarta que fora a mesma persoa.
"A policía pola descrición que lle deu a persoa que estaba dentro cren que a teñen recoñecida", sinala Galbán
"Se é a mesma persoa, non pode ser que unha persoa teña en tensión unha cidade desta maneira e con esta incerteza, sobre todo, entre os comerciantes pequenos. Quedaba o meu negocio, quedaba a farmacia e hai uns días empezaron outra vez os roubos, e tocoume", reclama Marina Porto.
Con esa resignación, pero tamén con certa desolación, piden medidas que freen esta ameaza constante aos seus negocios.