A menor vítima dun intento de secuestro en Vilalba non recoñece os acusados como os autores
A vítima manifestou no xuízo que os acusados non foron as persoas que a colleron
A fiscalía pide cinco anos de prisión e a defensa a libre absolución
A Audiencia Provincial de Lugo acolleu este martes un xuízo por detención ilegal por tentar levar á forza unha moza menor de idade. Os feitos a xulgar aconteceron en Vilalba en setembro de 2023 e a vítima, unha moza que daquela tiña 14 anos, relatou que unha muller a metera pola forza nunha furgoneta na que estaban tamén dous homes, pero que nun momento do traxecto conseguira escapar.
Durante a vista oral mantivo o relato dos feitos denunciados, pero á hora de volver recoñecer os acusados dixo que non eran ningunha das dúas persoas que estaban alí sentadas. Acudiron ao xuízo un home e unha muller e unha terceira persoa declarouse en rebeldía.
Na trama deste suceso tamén houbo algunha testemuña que relacionou o intento de secuestro cun presunto enfrontamento entre as dúas familias e un intento de matrimonio forzoso, pero as partes non entraron a valorar esta tese.
Os acusados negaron os feitos e manifestaron non estar en Vilalba ese día. Con todo, a fiscalía mantivo a súa petición de pena de cinco anos de prisión por un delito de detención ilegal ao entender que os feitos quedaron acreditados. Pola súa banda, a defensa pide o sobresemento da causa e a libre absolución dos acusados.
Tras o intento de secuestro, ambas familias implicadas, orixinarias de Romanía e asentadas en Vilalba e Rábade, protagonizaron outros conflitos pendentes de ser xulgados, como unha persecución no polígono de Monforte e un presunto delito de ameazas e obstrución da xustiza.