Confraría e mariscadores de Aguiño avalían a interceptación de 80 quilos de ourizo furtivo
O produto, devolto ao mar, sobrepasaba o tope legal e non chegaba ao tamaño mínimo establecido nesta campaña
A interceptación de 80 quilos de ourizo fóra da cota e por baixo do tamaño establecido en Aguiño foi acollida como boa noticia por quen viven legalmente deste traballo. Nos corenta días hábiles que saen ao ourizo, entre febreiro e finais de abril, cada tripulante pode coller vinte quilos cun tope de corenta por embarcación.
José Antonio Santamaría, patrón maior da confraría de Carreira e Aguiño, di que "para nós é unha boa noticia, porque o que se está a facer é erradicar malos labores".
A actividade furtiva é o peor para todo o colectivo que se axusta ás normas coa perspectiva do mantemento deste recurso, como destacan ouriceiros e ouriceiras. : "É o peor, porque ademais parece que era ourizo pequeno e, daquela, iso é o futuro de todos", di Salvador Rosales.
"O ourizo cada vez vai a menos, queda nas zonas máis complicadas para extraelo e hai que tratar de coidalo e traer só o que hai traer", di Samanta Santiago.
"Isto é o pan de todos, comemos unha cantas familias disto e, se o explotamos de forma ilegal, acábase", salienta Tucho Paz,
No que vai de campaña, o ourizo nesta lonxa está a saír a entre 12 e 13 euros de media o quilo. Un prezo considerado bo, segundo o patrón maior de Aguiño.