Os 19 mariñeiros rescatados do Pico Tresmares esperan ser recollidos por un buque da mesma empresa
O afundimento do palangreiro, con base en Celeiro, produciuse este luns no Pacífico Sur, a unhas mil millas ao oeste de Chile
Un pesqueiro portugués rescatou a toda a tripulación cando os mariñeiros xa evacuaran o barco e ocupaban as lanchas salvavidas
Os 19 mariñeiros do pesqueiro galego Pico Tresmares, naufragado este luns no Pacífico Sur, están á espera de ser recollidos por un buque da mesma empresa despois de ser rescatados por un barco portugués tras producirse o afundimento.
Segundo informa Salvamento Marítimo a Europa Press, o pesqueiro pediu auxilio este luns de mañá ao centro de coordinación de Madrid cando se atopaba a unhas 1.000 millas ao oeste de La Serena, en Chile.
Precisamente Salvamento de Chile encargouse de coordinar o operativo, no que se deu aviso a buques na zona, nunha noite de temporal. "O tempo era moi malo, de tormenta con forte chuvia e vento", explicaba este martes á mañá no Bos días o presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI), Javier Touza.
Así, foi o barco portugués Avo Músico o que rescatou a toda a tripulación cando se atopaba en bo estado xa en balsas salvavidas.
"Tivemos á gran sorte de que había barcos palangreiros galegos próximos, varios da nosa cooperativa, que inmediatamente acudiron no seu auxilio, e foi ese barco de bandeira portuguesa, dun armador da Coruña, tamén de ARVI, que foi rapidamente a rescatalos. Estaba a unhas horas de distancia e recolleu a toda a tripulación", relata Touza.
Unha semana para poder chegar a porto
Agora, nas próximas horas serán trasladados a outro buque pertencente á mesma empresa, Pesquera Guadalquivir, para dirixirse cara a algún porto chileno a onde non chegarán ata dentro de varios días, tendo en conta a distancia á que se atopan. "Calculamos que probablemente esteamos a falar de máis dunha semana de ruta, e vai depender moito do estado do mar", explica o presidente de ARVI.
Segundo explica Salvamento Marítimo, o capitán do barco relatou que a orixe do sinistro estivo nun incendio na máquina que se estendeu sen poder controlarse. Os mariñeiros tiveron que evacuar o pesqueiro antes do seu afundimento.
"As perdas materiais poden repoñerse e as humanas non teñen remedio. Queremos trasladar ás familias que estean tranquilas que están en perfecto estado de saúde", di Javier Touza, quen destaca a solidariedade da xente do mar: "Estamos moi orgullos. Ninguén pode dubidar de poñer todos os seus esforzos en rescatar os compañeiros".
O Pico Tresmares é un palangreiro de superficie con porto base en Celeiro. Ten 44,5 metros de eslora, o casco é de aceiro e foi dado de alta en novembro de 2005.