A salvo os 19 tripulantes dun pesqueiro de Celeiro afundido na costa de Chile
Todos están a bordo dun barco portugués que os rescatou

Os 19 tripulantes do pesqueiro galego Pico Tresmares foron rescatados sans e salvos tras producirse un incendio no motor do barco que provocou o seu naufraxio no Pacífico Sur.
O pesqueiro pediu auxilio na mañá deste luns ao centro de coordinación de Madrid cando se atopaba a unhas 1.000 millas ao oeste da Serena, Chile.
Salvamento de Chile encargouse de coordinar o operativo no que se deu aviso a buques na zona, nunha noite de temporal.
O barco portugués Avo Músico foi o que rescatou a toda a tripulación cando se atopaba en bo estado xa en balsas salvavidas.
Segundo o capitán do barco, a orixe do sinistro estivo nun incendio na máquina que se estendeu sen poder controlarse. Os mariñeiros tiveron que evacuar o pesqueiro antes do seu afundimento.
Actualmente, Salvamento ten constancia de que a tripulación se atopaba no barco portugués, pero sen coñecemento de cara a que lugar se dirixe.
O Pico Tresmares é un palangreiro de superficie con porto base en Celeiro. Ten 44,5 metros de eslora, o casco é de aceiro e foi dado de alta en novembro de 2005.