O éxito do empaquetado para o Museo Thyssen abriu mercado para as galletas Xianas
A etiqueta personalizada, un camiño no que as fundadoras da marca taboadense queren afondar
Comezaron abríndose paso nas tendas 'gourmet' galegas e axiña deron o salto ao ámbito estatal. Son as Xianas, as galletas tradicionais de Taboada, elaboradas na comarca chantadina. A receita é simple, con tan só catro ingredientes, que son fariña, azucre, ovos e manteiga clarificada de proximidade. E todas elas levan a Galicia por bandeira, con 18 deseños diferentes.
"Todas levan o mapa de Galicia por un lado e 18 debuxos sobre a cultura e o patrimonio galegos polo outro, como a muralla de Lugo, a catedral de Santiago ou un carballo milenario de Taboada. Parecíanos unha forma de levar a nosa tradición polo mundo", explica Neli Sobrado, socia de Galletas Xianas.
"Nós actualizámola a unha máquina eléctrica, co mesmo proceso, xa que esmaga a masa, cócea e obtemos as que se coñecían como galletas de Xián. As nosas Chámanse Xianas por iso", indica Ana Ledo, socia de Galletas Xianas.
Grazas á súa presenza nos salóns 'gourmet', estas galletas poden adquirirse nun museo tan visitado como é o Thyssen. A tal efecto, a súa etiqueta foi personalizada, un camiño no que as Xianas queren afondar para abrir mercado.
"Empezamos a valorar a posibilidade de facer tamén o mesmo con algunha fundación e con algún hotel, cos que personalizar segundo nos demande o cliente", di Neli Sobrado.
"As vendas nas tendas dos aeroportos e do Museo Thyssen a verdade é que axudan. A xente lévaas a outros lugares como agasallo e acabamos tendo pedidos en liña de Barcelona, de Madrid e de moitos outros sitios", sostén Ana Ledo.
Xunto coas galletas Xianas, completan o catálogo desta firma taboadense produtos coma os Tomesiños, que son uns polvoróns, ou os Aloumiños, consistentes en garapiñadas de noces con arandos.