Arzúa celebra o 50 aniversario da súa festa do queixo con denominación de orixe
Tamén participan produtores doutras zonas de Galicia, da península e de Italia, Suiza e Francia
A festa do queixo de Arzúa abriu as súas portas este sábado para celebrar o medio século dunha cita que este ano bateu todas as marcas de inscricións. As máis numerosas, as queixerías acollidas á Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa.
"Arzúa-Ulloa é a segunda Denominación en España por quilos certificados, despois do Manchego, e a primeira de vaca. Cada vez converterase máis no queixo de vaca familiar, o que é imprescindible ter na casa", explica Benigno Pereira Ramos, de Queixerías Bama de Arzúa-Ulloa.
Pero entre as decenas de postos hai espazo para queixerías pequenas que tratan de manter a tradición.
"Somos produtores directos. Somos gandeiros, temos vacas e, desde logo, temos que estar aquí porque a festa do queixo naceu desas produtoras, que foron as mulleres as que empezaron todo isto", conta Xosé Luís Queixería, de Verbas de Arzúa.
A afluencia de público está garantida. A xente busca probar sabores novos, e, para os produtores, esta é unha cita á que non se pode faltar.
"É unha data que temos marcada no calendario, non só como un mercado senón como un punto de referencia no sector porque a xente vén gozar do queixo e tamén da cultura, dos concertos, coñecer novidades...", asegura Adrián Pérez, de Queixería Castelo do Cebreiro.
"Fai hoxe 31 anos que empecei e non teño 60. empecei de neno con meu pai e coa tía Maricarmen cando se facía nos sotos no ano 94, o ano que empezaron a traballar meus pais", lembra Daniel Queixería Daniberto de San Simón da Costa.
Ademais dos queixos e produtos lácteos das queixerías galegas, na feira están presentes produtores e comercializadores doutras comunidades autónomas e de Italia, Suiza e Francia.
