Arranca a temporada de pesca fluvial cun aumento de licenzas en Galicia
As persoas maiores de 65 anos terán unha licenza con carácter indefinido e de balde
As taxas tamén son gratuítas para menores de idade e persoas con discapacidade
Un total de 48.000 afeccionados poderán pescar nos nosos ríos ata o próximo 31 de xullo, nun ano en que aumentaron as licenzas e que para os maiores de 65 anos xa terán carácter indefinido.
Na beira do Tambre, un dos ríos troiteiros que forma parte dos 14.000 quilómetros de rede fluvial que ten Galicia, con 150 coutos de pesca, a primeira hora da mañá foi a que máis se prestou para que fosen picando.
"Levo dúas. Empezaron moi ben pero coa xeada que había conxelábasenos o fío. Empezaron a deixar de morder, e houbo polo menos sete ou oito boas que se me foron", asegura Xosé Antonio Ferreiro, troiteiro.
"Este ano houbo varias enchentes seguidas e move bastante o río e move as troitas de sitio. Entón poden aparecer peixes grandes en regatos pequenos, pero normalmente están apostadas no mesmo lugar", explica Alejandro Martín, axente ambiental
Dos máis experimentados van aprendendo os pequenos. As cifras indican que en Galicia é unha afección que gaña seguidores.
"Estamos nunhas 48.500 licenzas de pesca, que veñen a ser unhas 8.800 máis ca o ano anterior. É bo que a xente se anime e haxa remuda xeracional, e o que pretendemos e facilitárllo" detallou Ánxeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente
Non pagan taxas nin os menores de idade, nin as persoas con discapacidade, nin os maiores de 65 anos, que teñen desde este ano unha licenza permanente.
Son máis da metade dos pescadores os que se benefician destas medidas para unha temporada que chega ata finais de xullo, e que se estende ata o remate de setembro no caso de pesca sen morte.