Comeza a tempada de pesca fluvial con licenzas indefinidas para maiores de 65 anos
As persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % quedarán exentas do pago de taxas para a súa obtención

A tempada de pesca fluvial bota a andar este domingo 16 de marzo, que se prevé frío en Galicia. Con carácter xeral, remata o 31 de xullo e estará marcada pola vixencia indefinida das licenzas para maiores de 65 anos, novidade introducida este ano pola Xunta.
As normas que regulan a pesca nas augas continentais da comunidade durante esta campaña publicáronse no Diario Oficial de Galicia (DOG) no mes de decembro.
Respecto á troita, establece que, nos coutos de pesca intensiva, o período hábil vai do 16 de marzo ao 30 de setembro e, noutras masas de auga, do 16 de marzo ao 31 de xullo.
No que atinxe ás especies do catálogo español de exóticas invasoras, permite a pesca do 16 ao 30 de setembro no encoro da Fervenza e no tramo do río Xallas augas abaixo da presa de Ventín.
Polo que se refire á pesca sen morte, o período vai, con carácter xeral, desde o 16 de marzo ao 31 de xullo, cunha serie de excepcións.
Licenzas indefinidas e sen taxas
Como principal novidade, a orde establece que a vixencia das licenzas de pesca de maiores de 65 anos terá carácter indefinido. Ademais, as persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % quedarán exentas do pago de taxas para a súa obtención.