Publicador de contidos
Publicador de contidos

A incidencia da gripe en Galicia, en intensidade baixa, pero con aumento da actividade asistencial

A incidencia da gripe en Galicia, en intensidade baixa, pero con aumento da actividade asistencial

Nesta situación epidemiolóxica, vacinarse é a principal medida preventiva. A campaña segue activa ata o 31 de xaneiro.

G24.gal 20/01/2025 14:39

A incidencia da gripe en Galicia segue en intensidade baixa, segundo os últimos datos da consellería de sanidade. Pero a tendencia é crecente e xa afecta todo o territorio galego.

"Houbo un aumento moi importante das taxas de ingresos. Temos 151 ingresos na semana pasada. Tamén houbo un aumento moi importante nas taxas de consulta na Atención Primaria. Polo tanto, a actividade asistencial aumentou considerablemente. Neste momento está predominando o virus da gripe A", afirma o xefe de Vixilancia Epidemiolóxica da Consellería de Sanidade, Suso Prego.

Son datos que indican que estamos camiño do pico da gripe nun inverno en que, de momento, só podemos confirmar que chega máis tarde do habitual.

"O que si podemos afirmar, segundo o modelo estatístico que manexamos, é de previr que nas vindeiras semanas chegará o pico da gripe. Agora, a semana exacta na que se producirá aínda non o podemos afirmar", engade Suso Prego.

Nesta situación epidemiolóxica, vacinarse é a principal medida preventiva. A campaña segue activa ata o 31 de xaneiro. 

A xefa Medicina Preventiva e Saúde Pública da área sanitaria Santiago e O Barbanza, Cristina Fernández insiste na recomendación "o que non se vacinou aínda está no momento de vacinarse e protexerse. Non tanto da gripe. Ás veces a xente pensa, vou vacinarme e vou ter a gripe igual. O problema son as complicacións derivadas dun proceso gripal".

Outra recomendación e medida preventiva que pode diminuír a carga da enfermidade é o uso das máscaras en espazos sanitarios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade