A Axencia de Doazón de Sangue fai un chamamento á cidadanía para doar
A Axencia de Doazón de Sangue fai un chamamento á cidadanía para doar
Os niveis de reserva de sangue están baixos, sobre todo, nos grupos A Positivo, Cero Positivo e Cero Negativo
A Axencia lembra que cunha soa doazón poden salvarse tres vidas ou axudar a tres doentes
O obxectivo é acadar entre 400 e 500 doazóns de sangue cada día para cubrir as necesidades dos centros sanitarios galegos e salvar vidas.
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue pide a colaboración da cidadanía porque as reservas están baixas nalgúns grupos sanguíneos.
"Todos os grupos son benvidos pero especialmente están baixos na reserva A Positivo, Cero Positivo e Cero Negativo e engádese hoxe o B positivo. O sangue fracciónase nos nosos laboratorios e sacamos glóbulos vermellos, plasma e plaquetas. Dunha doazón pódense salvar tres vidas ou axudar a tres doentes", destaca José María Vázquez Estepa, xefe de sección de doazón e xestión de colectas da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue.
Para poder doar hai que ter entre 18 e 65 anos, poden doar ata os 70 anos os que xa son doadores, hai que pesar máis de 50 quilos e gozar dun bo estado de saúde. Se se está a pasar un proceso gripal ou infección respiratoria hai que esperar entre unha semana e quince días desde que cesan os síntomas.
A doazón pódese facer nos hospitais de referencia das sete cidades ou nas dez unidades móbiles que percorren Galicia de luns a sábado.
"En caso de accidentes, transplantes, cirurxías consomen moito sangue, pero dependendo das temporadas case un 70 % de sangue vai para enfermos crónicos, oncohematolóxicos, enfermidades dixestivas..., entón necesitamos renovación continua das reservas de sangue", engade.
Galicia demostra ser solidaria, e á espera das estatísticas oficiais do ano 2024, adoita estar entre as cinco primeiras comunidades autónomas en número de doazóns de sangue. Supera as 100.000 doazóns anuais.