Só un de cada catro afectados pola EPOC está diagnosticado
Estímase que unha de cada dez persoas no mundo ten EPOC: enfermidade pulmonar obstrutiva crónica
Para mellorar a súa vida, estase a facer un cribado preventivo en distintas cidades de España, tamén en Galicia
A EPOC é unha enfermidade que dificulta a entrada e a saída de aire. No noso país, o 75% dos pacientes non están diagnosticados. Unha proba sobre a nosa capacidade pulmonar axuda a detectar o risco de padecer EPOC ou asma.
Un laboratorio farmacéutico está a desenvolver un cribado gratuíto a pé de rúa. Iago Rodríguez, director rexional de GSK en Galicia, explica que na proba "mídese o fluxo de aire dos pacientes. Se está mal, tería que ir ao médico para que o trate".
As enfermidades respiratorias afectan á calidade de vida e poden mellorar co tratamento axeitado. Os enfermos notan esa limitación "sobre todo á hora de camiñar, subir escaleiras, xogar cos netos... A xente maior vai limitando as súas actividades. Sabemos que os pacientes tratados correctamente estarían moito mellor", destaca Rodríguez.
Ademais do tratamento, é fundamental evitar a exposición a tóxicos, como o tabaco. A EPOC é a terceira causa de morte no mundo e a cuarta en España.