Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia reduciu á metade os casos de tubercolose desde 2015

Galicia reduciu á metade os casos de tubercolose desde 2015

A OMS iniciou hai dez anos un programa para rebaixar a incidencia da tuberculose no mundo un 80 % antes de 2030

G24.gal 25/03/2025 14:26

"É unha enfermidade contaxiosa que parece que está desaparecida, pero non. Nós temos uns 300 casos ao ano e deles, un terzo deles detectouse grazas á busca activa dos profesionais", explica Marta Piñeiro, directora do Centro Galego para Prevención e Control de Enfermidades.

Os síntomas da tuberculose pulmonar, que é a que é contaxiosa, son febre, suoración nocturna, moita tose e esputo, ás veces con sangue.

Desde o Sergas advirten de que os estigmas e noticias falsas que vinculan esta enfermidade coa marxinalidade non facilitan o diagnóstico precoz e lembran que a bacteria non distingue sexo, condición social nin nacionalidade. Os factores de risco están ligados ás alteracións no sistema inmune.

"É dicir, unha situación de defensas baixas. Os grupos de risco inclúen pacientes con VIH, pacientes que antes dun transplante levan tratamentos inmunosupresores, cando se toman fármacos biolóxicos para determinadas enfermidades reumatolóxicas ou dermatolóxicas. Ou tamén pacientes en diálise ou que padecen silicose. Tamén é un risco o hábito de fumar", detalla Raquel Dacal, pneumóloga da UTB do CHUO.

"Cando aparece un novo caso, primeiro temos que saber que tipo de  caso é con probas microbiolóxicas ou radiolóxicas, e despois se é dun tipo contaxioso hai que abordar o seguimento de contactos", relata Marta Piñeiro.

É unha enfermidade que se propaga polo aire cando un paciente enfermo tose ou esbirra. O tratamento dura de tres e a nove meses, pero tras catro semanas de antibiótico, non adoita ser contaxiosa. O illamento mínimo son catro semanas pero despois hai que analizar como evoluciona cada caso con tratamento.

A tuberculose -que no pasado tivo unha grande incidencia en Galicia- é hoxe previsible e curable,  pero aínda deixa no mundo mais de 10 millóns de contaxios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade